A proba pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e desenvolverase o domingo 31 de decembro no Roxal
O Concello de Neda lembra que este mércores, 27 de decembro, finaliza o prazo para inscribirse na segunda San Silvestre Concello de Neda, que terá lugar o domingo 31 de decembro as 10:30 h, con saída e chegada na pista polideportiva do Roxal. Trátase dunha proba, pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, e incluída no “IX Circuíto da Deputación da Coruña”.
Todos/as os/as atletas, federados/as ou non, que desexen participar teñen ata a medianoite do mércores para anotarse na web www.carreirasgalegas.com, onde tamén se poderán consultar o regulamento da carreira. Só os maiores de idade terán que aboar a cota de inscrición de 6 euros, para os menores é de balde.
A proba absoluta terá un percorrido aproximado de 5,4 km por asfalto (tempo máximo de 45 minutos), en tanto que nas categorías sub 16 e sub 14 a distancia redúcese a 1,4 km, e nas categorías sub 12 e sub 10 (nacidos en 2014-2015) correrán 700 metros. Recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.
Dende o Concello de Neda animan ás persoas afeccionadas ao atletismo de Ferrolterra, Eume e Ortegal a despedir o ano correndo. Polo de agora, na proba van inscritos máis de 130 deportistas.
A retirada de dorsais desenvolverase dende unha hora antes do inicio da carreira, que discorrerá pola zona do Roxal.